I will survive
Sempre nos quedará a NASA (e II)

Pero o peche da Sala Yago non é máis que a última consecuencia dun lento declive, a crónica dunha morte anunciada... Todo comezou hai case dous anos, con outra sonora morte, a do Teatro Galán... Baluarte do teatro de vangarda, impulsara propostas tan imprescindíbeis como o Festival Alternativa de teatro ou o En Pé de Pedra de danza na rúa... Daquela eu remataba de estudiar en Compostela... Para unha asignatura de Xornalismo tiña que elaborar un traballo de investigación sobre o "fenómeno"... e este foi o resultado. Agora, corrixido e ampliado. Advírtoo, é de lectura densa :-)
A clausura do teatro Galán o 17 de decembro do 2005 marcou un fito no devir da escena galega. Unha das poucas salas que se adicara a promover o teatro alternativo en Galicia colgaba non o cartel de entradas agotadas, senón o de peche provisional, e dicía adeus entre críticas á Administración, ós xestores do propio espazo, e diagnoses funestas sobre o estado do sistema teatral galego e moi especialmente o teatro alternativo galego. Á eterna pregunta de “Está o teatro alternativo galego en crise?”, oponse estoutra: Houbo algunha vez unha escena teatral propiamente alternativa con posibilidades de asentarse en Galicia? As deficiencias estructurais do mundo das táboas empecen calquera intento anovador en Galicia, e suxiren un esforzo maior tanto da Administración como das propias compañías, que pase ó mesmo tempo por un maior financiamento e, por outra banda, por unha xestión dos recursos máis razonable e acorde coa nosa realidade.
O peche da sala Galán suscita a reflexión sobre unha posible crise do teatro alternativo galego
agochan tantas historias na súa face dormida de pedra, e atopo entre os seus
recunchos de maior encanto un teatro baleiro; non precisamente un vello teatro:
o teatro Galán.
Un teatro pantasma, no
que xa non se escoita o rebumbio da
tramoia nin o murmurio apagado dos actores recitando o seu guión; simplemente o
estupor e a rabia contida polo peche dunha das salas más innovadoras
da cidade
e de Galicia. Lémbrome de que Santiago sempre foi o espazo máis acolledor para
os comediantes e a xente da farándula, sete espazos de representación e o
beneplácito de contar co aplauso na capital de Galicia, terra de Roberto Vidal
Bolaño e centro de creación dende o que se difunde para todo o país, e non podo
por menos que abraiarme polo recente peche dunha das salas máis creativas, coas
propostas e as programacións máis arriscadas. Abráiome e prego unha oración
pola boa saúde do efémero teatro galego.
diríxome cara o centro da capital compostelana, buscando algunha resposta ó meu
dilema. “Non existe o teatro alternativo”, di Baltasar Patiño, xerente do
extinto teatro Galán, “existe o teatro sen máis. Nas axudas a salas non se
contempla realmente o que fai e é cada sala. Para ter unha axuda a mantemento
de salas, tes que axustarte á normativa; se esta é tan esixente que non che
permite desenvolver o teu proxecto, podes ter dúas opcións: axustarte a ela ou
facer o que cres que hai que facer.” Pode que sexa verdade. Ante a falta de
solucións, boa é a revolución. Pero xa cando chego á zona vella de Santiago, e
vexo dous espazos en plena actividade, o teatro Yago e a sala NASA, rebosantes
de propostas artísticas, permítome dubidar sobre o panorama negro que pintan
algúns e pregúntome se non será a escena alternativa, e a pesares dun sistema
teatral como o galego, tan pouco propicio para os riscos, o reducto máis
esperanzador para o teatro hoxe. “Para nós non existe a crise de público”,
proclama Xesús Ron, actor da compañía Chévere e membro xerente da sala NASA.
“Tampouco existen requisitos estrictos nas normativas. Non existe ningún
criterio, ningún tipo de imposición, podes estar máis ou menos dacordo coas
esixencias técnicas, que hai sempre en todo tipo de concurso público, pero non se
impón nada que non sexa razonable”.
proxección, a banda sonora da película esmorece e cede o protagonismo a tres
figuras silueteadas en negro que sacan un saxofón, un violonchelo e un
contrabaixo. Entón a música en directo comeza a mesturarse coas imaxes en
35mm., e por un momento semella un filme mudo como os que se musicaban nos
comezos do cinema, mais trasplantado á realidade do século XXI e redescuberto
como achádego artístico xenuíno. Xa logo da proxección comeza un set de improvisación de jazz, polo que tiro
como conclusión que a mestizaxe e a diversidade non parecen escasear na oferta
cultural e teatral compostelana. Botando unha ollada á programación de abril,
maio e xuño desta sala, atópanse sesións de pinchadiscos, hip hop, poesía e danza contemporáneas, punk, rock, espectáculos
de mimo e clown, teatro vangardista e
ata circo-cabaré. Parece que os creadores, conscientes da falta de apoios para
a producción e a infraestructura básica para a súa distribución; e dende a posibilidade
da colaboración entre proxectos creativos excéntricos da cultura galega
oficial, decidisen que a creación interdisciplinar é un dos poucos vieiros de
supervivencia da escena alternativa en Galicia. É como se linguaxes diferentes
pero aliadas no seu relegamento xeral, buscasen un apoio mutuo, uns no espazo
dos outros, abrindo fendas en espazos pechados sobre si mesmos. E mesmo coido
que debe ser o espazo urbano, non sometido a convencionalismos, da sala
alternativa, o máis propicio para acoller este tipo de manifestacións
artísticas. Tamén pola mesma razón parece
non ser o “alternativo” o terreno máis feble do sector dramático galego.
E para ler o resto... premede aquí.
