Las dos caras opuestas del "Progreso" y la Economía en la actualidad (I): Economía de mercado: "IBM llega a Ourense"
Ourense, Capital galega do I+D?
Dende sempre, Ourense estivo sumido nun retraso industrial ancestral. Só o téxtil e a construción poñen a andar o sector primario dunha provincia cuxo subdesenvolvemento económico endémico semella abocala á emigración e a hipertrofia dos servizos. Agora, IBM e Caixanova acaban de botar o envite da investigación. O xigante tecnolóxico asinou un acordo coa entidade bancaria galega para instalar un dos seus centros de innovación nunha das cidades máis esquecidas de Galicia, pero tamén das máis formadas e con maior capital humano. A grande canteira da Escola Superior de Informática e da Formación Profesional fornecerá o equipo dun CENIT (Centro de Innovación Tecnolóxica) que tamén opera noutras zonas pouco industriais, como Cáceres e Salamanca. De momento, o obxectivo é ambicioso: cincuenta empregos antes de finalizar o ano e 400 nos vindeiros, no que os seus responsables cualifican como un “investimento histórico para Galicia e Ourense”.

O anuncio veu por sorpresa (a xestación do centro estivo envolta nun escrupuloso silencio) pero acompañado dun forte estrondo. O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o de IBM España (NYSE
:IBM), Juan Antonio Zufiria, anunciaron nun acto presidido por Alberto Núñez Feijóo o importante acordo acadado polas dúas entidades. No que Julio Fernández Gayoso cualificou como “un día histórico para Ourense”, o proxecto de I+D+i foi presentado á sociedade e ós medios de comunicación no Centro de Desenvolvemento Caixanova en Ourense, coa asistencia de persoeiros nomeados da economía ourensá. Un proxecto que, a pesar da súa posíble significación a longo prazo para a economía galega e local, se mantivera ata hoxe nun “silencio sepulcral, na liña do estilo de traballo tanto de Caixanova como de IBM, que só anuncian as cousas cando están claramente perfiladas e asinadas”, aseverou.
O resultado deste acordo é a creación dun Centro de Innovación Tecnolóxica (CENIT) en Ourense, a través da filial en España, INSA, que iniciará a súa actividade antes de que finalice 2009 e espera chegar entón á meta de 50 empregos, e ós 400 postos de traballo nos próximos anos. O primeiro paso e principal pulo do proxecto é un contrato de desenvolvemento e xestión das aplicacións da propia Caixanova. Coa posta en funcionamento de CENIT en Ourense, Caixanova e IBM expresan o seu desexo de “contribuír a reter o talento tecnolóxico formado nesta comunidade autónoma”. Por iso, a maioría do seu cadro de persoal serán “licenciados e técnicos relacionados co mundo da informática e as novas tecnoloxías da información e a comunicación”. Ademais, marcarase como obxectivos atraer novo talento tanto do ámbito nacional como internacional, e “ser un referente a nivel nacional no campo da xestión aplicada ó sector bancario”, formula a nota de prensa que acompañou a presentación en Ourense e que supón a única información polo de agora sobre o ambicioso proxecto.

Esta iniciativa é importante en tres ordes: para Galicia, para Ourense, e polo actual contexto de crise en que nos atopamos. Para Galicia, porque vai permitir desenvolver aplicacións informáticas de baixo coste e maior eficiencia para as empresas, “tanto a un nivel rexional como mundial”, “solucións competitivas rápidas” da man dunha empresa líder como IBM, entidade de referencia internacional con máis de 300.000 traballadores”, louvou Gayoso, quen afirmou “que non podía ser mellor socio tecnolóxico para un acordo que ten que ser a longo prazo para ser viable”, posto que o que pretende é “estabilidade”.
Nunha segunda perspectiva, se CENIT consegue cumprir a desiderata coa que se presenta, xerará un importante foco de riqueza e de creación de emprego para Ourense, localidade con 9.300 desocupados e un índice de paro do 6,62%, segundo a última Enquisa de Poboación Activa do INE (Instituto Nacional de Estatística). Este xerarase en primeiro lugar a través da Universidade de Vigo e o Campus de Ourense, sementeiro de profesionais que esperan reter para evitar a fuga de cerebros. Neste sentido, Gayoso afirmou que “o futuro ten que pasar a través do Campus Universitario de Ourense”. A Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, dirixida por Eduardo Barreiro, vén de implantar o grao de Enxeñería Informática, adaptando ó sistema laboral español e europeo unha das titulacións máis atractivas e con maior proxección de Galicia, e daquela, da cidade auriense. Tamén Caixanova sumará esforzos, a través do Centro de Formación Profesional -onde xa se imparten estudos de informática- e das Bolsas de Primeiro Emprego.
En terceiro e último lugar, a oportunidade vén nun momento de crise no que fai falla máis que nunca incentivos tanto económicos como morais para unha poboación castigada e necesitada de estímulos. Segundo IBM, este centro contribuirá a reforzar o sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) en Galicia, convertirá Ourense nun “potente foco de I+D+i”, e “dará pulo a iniciativas sectoriais e acordos de colaboración que permitan aproveitar ó máximo as sinerxías entre diferentes axentes, como a Universidade de Vigo e as asociacións empresariais e sectoriais, así como coa propia Caixanova”. Ademais, grazas ó acordo acadado entre as entidades implicadas, poranse en marcha unha serie de obradoiros, cuxo obxectivo será divulgar aspectos relacionados coa innovación bancaria, así como aspectos tecnolóxicos de interese global.

Pola súa banda, Juan Antonio Zufiria, responsable de IBM España, considerou un “honor” levantar este centro CENIT en Ourense, “ó servizo tanto dos retos tecnolóxicos de Caixanova como da economía galega”. Definiu o proxecto como “un xermolo de futuro que se fai apoiar sobre o pilar do talento e do coñecemento”, e incidiu na idea de que esta é a mellor época para impulsar este tipo de iniciativas. “Non podemos pensar que esta crise sexa estéril”, reiterou Zufiria, “podemos utilizar esta recesión para facer algo, para construír un mundo máis intelixente”.
Os centros CENIT están altamente cualificados para a produción de software e produtos e servizos informáticos, e ofrecen vantaxes competitivas en entornos de alta produtividade e calidade, apoiándose en acordos a longo prazo con institucións e empresas, neste caso Caixanova. O seu obxectivo é propor solucións de negocio que permitan ás empresas ser máis eficientes, flexibles e adaptables ós cambios do mercado, así como ofertar servizos de xestión e mantemento das súas aplicacións. Actualmente, existen outros dous centros como este en España: os que INSA ten en Aldeatejada (Salamanca) e en Cáceres, que traballarán en liña co de Ourense, así como coa rede internacional de centros de innovación de IBM. Isto permitiralles apoiarse e compartir recursos.


Unha iniciativa pola que a Administración autonómica xa está apostando claramente. Alberto Núñez Feijoo clausurou o acto de presentación transmitindo “a confianza da Xunta”, e afirmando que “só a unión entre o sector público e o privado pode xerar innovación”; louvou a idea, porque “supón un proxecto de vangarda contratar a 400 titulados nunha cidade de 100.000 habitantes”, e “un empurrón a unha provincia que o necesita máis que outras”; ó mesmo tempo que aproveitou a súa filiación ourensá para identificarse coa cidade: “É unha provincia de talento; sei que Ourense non vos vai defraudar”. O xefe do Executivo galego apresurouse a definir o triángulo Salamanca-Cáceres-Ourense como unha “Ruta da Prata” en materia de innovación, e aventurou que “Galicia sería diferente se fose quen de presentar un proxecto como este cada quince días”. Haberá que esperar a finais de ano para facer balance e ver se as expectativas creadas polo novo centro se tornan en realidades nunha das provincias máis necesitadas de estímulos, pero tamén de sustentos materiais.
