GUEZOS, TOCANDO UNHA DÉCADA

Foi unha grande noite. Unha noite para pór fin a unha década. A que leva Guezos tocando, dende o primeiro ensaio “oficial”, ata a noite de onte, na que deu o seu sétimo concerto nun local, o Auriense, que sempre os recibiu cos brazos abertos, como fillos predilectos da terra da que son. De Ourense polos catro costados, como demostra o seu nome, en barallete dos afiadores -“Rapaces”-, ata o nome dun dos seus temas, A Esmorga, pasando pola relación estreita con moitas das mellores bandas desta cidade, Lamatumbá, O Sonoro Maxín, Ergom, e a trasfega de músicos con elas, nun baile, nunca mellor dito, que ten alterado numerosas veces a formación orixinal e a fórmula máxica dos Guezos até dar na solución actual: Adrián Beiroa (voz principal e guitarra acústica), Anxo Fernández (coros e teclados), David Quintas (guitarra eléctrica), Fran Díaz (batería), Roberto Reboiro (Baixo), Modesto Cid (gaita/whistle), e Xabier “Mortadelo” Domínguez (gaita/whistle). O segredo da poción máxica, que insufla forza e vigor galaicos aos que gostan dela, o resumen moi ben eles no seu myspace, e o repite o presentador: “Mestúrense con enerxía tres partes de música folk, dúas de rock, outras tantas de música tradicional galega. Engádanse ao gusto gotas de sabores variados como funk ou reggae, e até rumba, se apetece. Salpiméntese con grans de reel, e póñase todo xunto até que colla boa textura. Logo métase no forno a temperatura dunha taberna chea de xente. Por suposto, sírvase quente e acompáñese de moito entusiasmo e ilusión”. E isto son os Guezos. A presentación en “taberna” xa a poñía o Auriense.

Cando o ar estaba entón ao roxo vivo, a ambiente caldeado pola espera e os reencontros coas vellas amizades, comeza daquela o “show”. E “show” dito sen lugar a rubor porque o grupo contou cun presentador, directamente vido do futuro, e con vestimenta de científico tolo, para prevenirnos sobre un hipotético ano 2055, no que os Guezos son xa uns clásicos, e para remontarnos ao 1999, nas datas dos primeiros ensaios da banda. Tras lembrar algunhas das efemérides do devandito ano, os anfitrións suben ao pequeno escenario do Auriense, e comezan cun instrumental, “Guezada”. Trala introdución folk, sube Adrián, para interpretar un dos seus temas clave: “Identidade”, na liña doutros de fonda mensaxe coma “Nau”, de Luar na Lubre (outros abandeirados das raíces patrias), un canto a Galicia, segundo o vocalista, que en tódolos seus concertos o presenta así: “un tema adicado ao pobo galego, unha resposta a toda esa xente que fala de nós”; en definitiva, un tema que desbota prexuízos, tópicos, e reivindica a propia persoalidade. Tras este, o reggae de “Amodo”; o folk con sabor irlandés de “Todo Perfecto”; o soft jazz folk de “Vals do Regueiro”; e un primeiro intermedio para descansar de esta mestura de sons, que, como di Modesto Cid, resulta de “cada un virmos dun rollo diferente, iso nótase de carai no grupo, intentar xuntar gaitas e muiñeiras con guitarras eléctricas e jevirolos; cada un vén de sitios distintos, aporta o seu, e ao final pasa o que pasa”. Pois pasa que, como o seu último disco, “Oito Destinos”, os puntos de partida están moi claros, pero a viaxe a que nos leva non o está tanto, non ten destino concreto. Entre os favoritos do seu myspace, cóntanse tanto Thin Lizzy, The Doors e Béla Fleck como Wolfstone, Shooglenifty ou Berrogüeto. Así, para xogar ao despiste, tralo descanso o “home do futuro”, unha sorte de Mr. Proper galaico e retranqueiro, bota o seu correspondente speech, con proxección audiovisual incluída, dos bolos e amigos, mentres os Guezos afinan os instrumentos para o primeiro invitado e amigo da noite, o vocalista orixinal da formación, Arturo. A máquina do tempo vai cara atrás e estáncase naquela primeira maqueta homónima da que conseguiron vender 1.000 copias, nos concertos e sen ningún tipo de publicidade. Arturo interpreta dous temas tradicionais, “Muliña” e “Rebadaira”, antes de acelerar outra volta e chegar ao presente máis teimudo, con “Acción / Reacción”, curioso experimento físico ou químico con gotas de folk e de heavy rock, de funk e canción protesta. “Non quero opinar, non sei que dicir, déixame pensar, déixame vivir… Eu tiven un sono… Soñei… que soñaba”.


O reencontro entre os dous cantantes, sentido, fainos fundir nunha aperta, que dá paso a un dos grandes momentos da noite, deixan o ton político e entréganse a unha canción de “amor”, no mellor do sentidos: “Sara Sariña”, o gran éxito dos Cempés. “Ai, quixera dormir contigo / ai, na túa cama dourada / ai, pasar contigo esta noite / ai, ir a presidio mañana… Sara Sara Sariña / ai Sara ti ela miña / ai Sara Sara Saronhe / ai Sara do corazonhe…” Rafa, antigo baixista, sube á tarima, o ambiente festivo é total, os Guezos conseguen facer bailar dende a primeira á última nota dun dos temas máis “pegadizos” do cancioneiro “tradicional” máis recente. Tras un éxito, outro, xa que “Terradentro” (2004) pode ser o maior que ten Guezos, perfecto resumo das dúas influenzas máis fortes da banda, o folk e o rock. Contan para a versión 2009, tamén incluída en “Oito Destinos”, coa colaboración de Roi. Trala descarga de adrenalina, seguen “Folklorada”, “A das Festas” (que participou no certame de Radio Galega “A polo ghit”, e para a que subiu a facerse cargo das baquetas “Puntxas”), “Lévame” (con Pablo), “A Pedida”, “No Nome de Nada”, “Boas Novas”, en definitiva, revisando temas do pasado dende a nova perspectiva do presente e coa axuda de vellos amigos… Neste punto, saltan ao futuro para vaticinar un dos vindeiros éxitos da banda, “Boas Novas”, que tocan en exclusiva no concerto aniversario. “Será unha boa nova que saia ben”, ironiza Adrián, e a verdade é que poden estar orgullosos de que soe ídem. A máquina do tempo volve decelerar e para no presente ano, no que os Guezos paren un tema, “A Esmorga”, que acaba incluíndose no libro-disco homenaxe ao 50 aniversario da publicación da novela de Blanco Amor do mesmo título, e coa que interviñeron hai só unha semana no Auditorio, dentro do festival EBA 5.0. Sen Perqutores de Allariz polo medio, pero con máis reforzos de percusión a cargo de amigos, soa un dos temas máis bailábeis do último disco. Para rematar, “Morenaca” (rancheira), “Tomo” e unha versión dunha versión, o tradicional irlandés “Whisky in the Jar” traducido a guitarras eléctricas por Thin Lizzy e, tras unha reviravolta máis, convertido ao peculiar estilo made in Guezos baixo o influxo nocturno da bebida patria de Auria, “Whisky e Licor”, un clásico xa para pechar os seus concertos. Cando cantan “E quen mo ía contar, de lado a lado vou, moi mareado estou, de whisky e licor”, chega a catarse entre o público, “todo era euforia, estabamos na gloria”. Xa conseguiran que se agochara todo o local (agás fotógrafos), que se volvese erguer ao compás do incombustíbel e sempre ledo Mortadelo, e agora non deixarían que parasen de brincar, con estoutro tema, tamén, de “Terradentro”.

Tralo segundo amago de marchar, os agradecementos finais e unha terceira intervención do speaker para sortear unha cesta entre os asistentes ao concerto, volven, nembargantes, á carga, con outro bis máis, esta vez xa para rematar por completo, con “La Ventana” (quen sabe se a fiestra diestiana do emblema do Auriense). Desta volta suben todos os músicos integrantes, tanto do presente como do pasado, e mais o mánager, Rucho, e amigos e parentes (Luz), de forma que o cativo escenario do café cultural parece non ter sido frecuentado endexamais por tanta xente xunta, e semella que vai caer dun momento a outro. É a unha da madrugada e seguen os concertos en outras partes da cidade auriense; nin máis nin menos que os míticos Mitocondrias, xunto a La Sombra e Renegados, no teatro Xesteira, pero a vea folkie de Guezos e a súa marea daquela xa nos ten absorbido por completo e non somos quen de deixar a nave, unhas copas máis, e iremos á cama ben cheos de whisky e licor.

Guezos son:
Adrián Beiroa

Xabier "Mortadelo" Domínguez:

Anxo Fernández:

Modesto Cid:

Roberto Reboiro e David Quintas:

Fran Díaz:

Adrián e Arturo:

Continuidade

Complicidade

Máis continuidade (unha auténtica banda de gaitas)

Morta tocándolle o cu a Adrián:

Máis complicidade (Puntxas e Roberto)
Cartel




mozzer dijo
Unha noite sen dúbida máxica...
18 Enero 2010 | 01:45 PM