We want Galego! Yes, we want!!!
Sindicatos, pais, profesores e alumnos botáronse á rúa e secundaron maioritariamente unha xornada de folga contra o novo modelo lingüístico de Feijóo

Desta vez foi o Obradoiro. Os integrantes da plataforma Queremos Galego repetiron o pasado 21 de xaneiro a mobilización que, tres meses antes, conseguira encher a Quintana e colapsar Santiago de Compostela. A convocatoria estendíase a unha folga xeral no ensino e, polo tanto, os seus grandes protagonistas foron os alumnos e profesores. O reto era grande, pero a histórica praza -"Praza Maior de Galicia", deu en chamar Xosé Lois González "o Carrabouxo" - quedou pequena ante os milleiros de persoas que se concentraban alí. De feito, cando se deron lectura aos discursos, aínda seguía saíndo xente do punto inicial da manifestación, a Alameda de Santa Susana. A Policía Local cifra en 30.000 os asistentes, mentres que a organización os sitúa en algo máis de 50.000. Segundo os sindicatos que secundaron a folga, CIG, STEG, CCOO e UXT, foi o 90% da comunidade educativa o que secundou o paro, cifra que a Consellería de Educación reduciu a un 40%. O certo é que o enriba asinante tardou media hora en saír da capital de Galicia, pois os accesos estaban colapsados, sobre todo con buses que chegaban de todos os rincóns, e que a concentración foi seguida masivamente a pesar de ser un día laborábel.

A marcha estaba convocada ás 11.30, pero a esa hora moitos dos autobuses fletados desde diversas comarcas de Galicia aínda non conseguiran entrar na cidade. Unha ateigada Alameda amosaba carteis de moitas organizacións estudiantís e políticas, e mesmo de cidadáns e grupos a título individual ironizando sobre o tema: "We want galego", ou "I love very moito o galego", amais da consigna máis repetida, posto que foi reproducida e repartida a gran escala por unha das asociacións convocantes, a Mesa pola Normalización Lingüística: "I love ensino en galego". Con estes lemas pretendían expresar con certa retranca o seu rexeitamento ao presentado como "decreto do plurilingüismo", e que os seus detractores estiman ser prexudicial para o ensino en galego, ao reducilo a unha cuota do 33% e, din, non haber unha garantía real de daren o outro 33 en inglés.

No Obradoiro, que era a grande espiña que quedara daquel 18 de outubro, tentouse dar unha imaxe de oposición unitaria ao chamado "decretazo", e para iso foron lendo cadanseu discurso representantes dos distintos sectores: profesores, pais e alumnos. Enriba da tarima, enfronte do vicerreitorado, e co "marco incomparable" da "praza máis bonita do mundo", co Pazo de Raxoi á esquerda, o Hostal dos Reis Católicos diante, e a catedral á dereita, interviron Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, Fran Rei, presidente da plataforma Queremos Galego, Xosé Lois González "O Carrabouxo", membro e humorista gráfico, Craig Patterson, presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, e Carlos Callón, presidente da Mesa. "O Carrabouxo exerceu de alegre mestre de cerimonias, ao son dun "mamá, eu quero galego", nunha mobilización de claro ton festivo; Carlos Callón ironizou sobre as declaracións do conselleiro de Educación ("Mirade, cantos extremistas"), e Craig Patterson manifestaba que "utilizan o inglés propagandisticamente para camuflar un ataque contra a lingua galega". Embaixo, entre a multitude, os representantes dos principais partidos da oposición, os dous Vázquez, Manuel Pachi Vázquez, do PSdG, e Guillerme Vázquez, do BNG, ademais de numerosas figuras da vida social e política galega, entre eles, Anxo Quintana, ex vicepresidente da Xunta, Xosé Manuel Beiras, ex voceiro nacional do BNG, Laura Sánchez Piñón, quen fora conselleira de Educación na aprobación do anterior decreto, o actor Carlos Blanco, a académica Margarita Ledo, ou o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez.

Chaves para entender a protesta
O novo modelo lingüístico para o ensino en Galicia non está aínda aprobado, pero as bases do borrador si o foron o pasado día 30 de decembro, "pola porta de atrás" en San Caetano, onde os conselleiros da Xunta se trasladaron dende Raxoi, ante outra mobilización en contra. O futuro decreto, no que traballa Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, pretende introducir unha terceira lingua vehicular, o inglés, e establecer un sistema en tres terzos. Sen embargo, a maioría da comunidade educativa non cre que isto sexa viábel, debido á pouca competencia dos mestres para impartir en inglés as materias e os poucos recursos con que se conta. A Real Academia Galega (RAG) emitiu un demoledor informe o pasado 19 de xaneiiro que novamente daba as cóstas ao proxecto, e numerosos lingüistas e pedagogos tense manifestado en contra (Henrique Monteagudo, Craig Patterson...). Nin sequera Galicia Bilingüe, a asociación máis contraria ao modelo vixente, deu o seu apoio, pois non permite modelos monolingües e polo tanto a libre elección dos pais en materia lingüística, e di que "os cambios son para despistar" e que se sinte "enganada". A plataforma Queremos Galego, integrada por máis de 500 asociacións, resume a súa protesta nos seguintes puntos: as bases do borrador do futuro decreto non garanten "que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego"; "é unha proposta feita de costas á sociedade galega", porque o presidente da Xunta non conta co consenso nin co apoio de ningún sector para a súa aprobación; "a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros", pois a Xunta traslada a decisión de en que lingua se imparten as materias aos pais, provocando as desigualdades entre centros e mesmo que un galego ou castelán falante se atope en minoría nunha aula monolingüe (...); "a Xunta búrlase da cidadanía cando di que vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar"; "vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos", como a Lei de Normalización Lingüística, ou a Carta Europea de Linguas Rexionais; e "é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país". Por outra banda, o plurilingüismo xa existe: son as chamadas seccións bilingües dalgúns centros, que comezaron hai máis de dez anos, e que fan que sexan máis de 20.000 os cativos que dan algunha materia non lingüística nun idioma estranxeiro.

As reaccións á manifestación non tardaron en chegar. Feijóo declarou dende Madrid que respetaba a postura dos manifestantes, aínda que tildaba a convocatoria de "nacionalista", e recalcaba que "Galicia seguirá sendo libre e bilingüe". Sen embargo, abriu a porta a un consenso, sobre todo á raíz do dictame desfavorábel da RAG, xa que "a gran proposta" que incluíu a institución foi o equilibrio 50/50, "medida admitida e compartida desde o primeiro día", "algo que xa está nas bases do decreto, pero sen renunciar a introducir unha terceira lingua". Pola súa banda, todos os representantes sindicais (CIG, STEG, UXT e CCOO) manifestáronse satisfeitos cos resultados da mobilización e din que pode supoñer "un punto de inflexión" para que a Xunta "renuncie a dividir á sociedade" co idioma. Non se sabe aínda se o PP retrocederá posicións ante o que seguen dando en chamar "manifestacións preventivas", mais, sexa como for, a mobilización, polo seu carácter multitudinario e a diversidade dos seus protagonistas, marca un antes e un despois nesta historia.

Iria Aboi, coordinadora de Galiza Nova

Anxo Louzao, coordinador de CIG-Ensino

Fran Rei, coordinador de Queremos Galego

Craig Patterson, presidente da Asociación de Estudos Internacionais Galegos

Xosé Lois González, "O Carrabouxo"




Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
Para rematar o seu apaixoado discurso, Callón citou uns versos dun dos máis grandes poetas e dramaturgos en lingua inglesa, co fin de desmentir a ignorancia dos galegos neste idioma, e tendendo pontes con el: o soneto 66 de Shakespeare. "O poema é un exhausto laio ante a inxustiza e como o poder logra colocar o mundo ao revés, e foi elevado a símbolo en determinados círculos culturais na resistencia contra o nazismo. Fronte a iso, amósanos un camiño de esperanza última: hai que resistir para non deixar só a quen se ama", segundo o mestre e presidente da asociación.
Tired with all these, from these would I be gone,
save that, to die, I leave my love alone.



***

A familia crece

Fóra tamén queren galego!

O meu obxectivo non é un gran angular...

Con Raxoi ondeando detrás...

Falando para un público... "Galego en En Galiza..."
"Mamá, eu quero galego..."


Durante o himno




Ian Nas Berzas dijo
Gústame moito este artigo, o único que boto en falta son fotos nas que se vexan outros grupos que secundaron a manifestación e outras personalidades, como Piñón (autora do decreto) ou Pachi, para que os que queiran tumbar a meritoria mobilización que tivo a sociedade galega o pasado xoves non poidan usar a excusa do nacionalismo.
Por outra banda, douche os parabéns pola calidade fotográfica e pola túa implicación coa causa!
27 Enero 2010 | 10:27 AM