Publicidad:
Terra
La Coctelera

Fifteen minutes with you...

(oh well, I wouldn´t say no)

6 Febrero 2010

Ionut Preda, atleta paraolímpico e presidente do Club de Discapacitados Olimp: "Non existe o 'non' na miña vida"

Con tan só mirar a expresión de Ionut Preda, e as súas verbas enchidas de entusiasmo, case inocencia, custa crer nas limitacións do ser humano. Romanés, orixinario de Timisoara, e residente en Barcelona, no concello de Mollet del Vallès, dende hai sete anos, a este campión do deporte paralímpico amputáronlle unha perna hai dous. Pero iso non truncou a súa loita por conseguir unha medalla paralímpica, unha das promesas que fixera ao seu pai.

Aos 29 anos e tras triunfar nas disciplinas de peso, disco e xavelina, con varios títulos de campión de España e Cataluña nos últimos tres anos, e perante a apatía da federación de paralímpicos, que non lle financiaba unha perna deportiva para competir, decidiu un bo día colle-la bici e recadar fondos para mercala. "A discapacidade está só na mente", subliña.

Comezou o 27 de agosto en Barcelona e rematou o 1 de novembro pasado. Durante o seu periplo por toda a península, 4.700 quilómetros en total, e a única compaña da súa tenda de campaña, tivo a oportunidade de conectar con xente de todo tipo que lle transmitiu ánimos para seguir coa súa andaina e chegar á súa meta; sesenta e tres días que foron seguidos xornada a xornada a través do seu facebook, bitácora escrita e gráfica de todo o que lle aconteceu e as xentes que foi atopando.

Ionut lamenta que ata o momento non recibira apoio de ningunha administración pública; o único que conseguira é a sinatura no rexistro de entrada dos concellos polos que pasou e que atesoura na súa equipaxe. Ao seu paso por Galiza algúns medios deixaron constancia da súa fazaña, e tras chegar a bo porto, falou con ECO para relatar a súa experiencia e reflexionar sobre o estado do deporte paralímpico e a súa propia vida. Agora prepárase para o seu próximo reto, outra promesa, desta vez ao seu avó: face-la volta ao mundo, unha nova oportunidade para gañar patrocinadores. Ten todo pensado ata o máis mínimo detalle: os compañeiros, a ruta, debuxada nun caderno no que anota tamén as súas impresións sobre a marcha, e ata cada un dos ocos destinados a espazos publicitarios da súa camiseta.

Vén de presentar o seu gran proxecto ante os medios de comunicación: realizar a Volta ao Mundo en bicicleta. Unha fazaña máis grande cá anterior, moito máis ambiciosa. E para iso contará con compañeiros novos. Que nos pode contar deles?

Os dous son atletas e socios da asociación que presido, Club Esportiu de Discapacitats Olimp: un austríaco, amputado de pé, e o outro español, de brazo. Seguiron a miña viaxe por España e ficharon polo meu clube para a próxima tempada nas probas de lanzamento. Esperamos que non haxa ningún contratempo e poidan incorporarse ao reto. Se non, partirei só.

Falando de Olimp, que nos pode contar desta asociación?

É un club que se adica a promocionar e preparar atletas discapacitados de cara á súa participación en competicións do mundo paralímpico. Son membro fundador e presidente dende o verán de 2007, e espero que con pequenas axudas de empresas poida seguir apoiando a xente de dentro e fóra do país, sempre competindo polo noso club.

Non sinte algo de medo ou nerviosismo pola magnitude deste reto?

Non, pois xa teño boas experiencias, e agora mesmo debido á miña actual situación laboral, creo que é o momento propicio.

En que consiste exactamente o seu reto?

Sería a Volta ao Mundo en bicicleta, durante cinco anos, que compaxinaría coa competición e o adestramento para Londres 2012. Realizaría escalas nas cidades máis emblemáticas e representativas, e atoparía financiación a través das donacións e colaboracións de pequenas e medianas empresas. A saída pode variar, segundo as circunstancias, pero a teño prevista para principios do mes de maio.

Esta é a segunda parte dunha aventura que iniciou o pasado mes de agosto cando decidiu da-la volta a España a bordo da súa bicicleta coa meta de recadar fondos para a compra dunha perna deportiva que lle permitise competir. Tamén para chama-la atención sobre o estado das axudas ao deporte paralímpico. Cre que a crise económica actual deteriorou aínda máis este fráxil sector?

Aínda que creo que a altos niveis puidera terse visto afectado, a realidade é que o apoio ao sector paralímpico foi sempre nulo, pois nos remitiron á federación namentres esta dicía non te-los recursos necesarios para poder darnos o apoio necesario e levar a cabo a nosa preparación e adestramento.

E obtivo algunha resposta desa Federación Paraolímpica ao ter noticia da súa proeza e das mostras de solidariedade?

Si, que sinten moito que me atope nesta situación, que esperan que consiga recadar moito diñeiro, mais que eles non poden colaborar cos teus gastos. Mesmo téñenme comunicado que debo facer fronte a novos gastos federativos.

E dos patrocinadores... que hai deles? Alguén se animaría a coloca-lo seu logo na súa camiseta...

Ata o de hoxe, interesados e promesas, mais nada seguro.

A Volta a España foi unha dura viaxe que realizou case sen fondos, sen ningún tipo de apoio económico privado ou público, máis que as mostras de solidariedade dos diversos concellos que foron visitando e dos seus habitantes. Atopouse nalgunha situación límite ou complicada?

Ademais de múltiplas caídas, propias da viaxe e do cansancio, entre Pontevedra e Vigo, cando viaxaba de noite vinme atropelado por un vehículo, que se deu posteriormente á fuga. Vindo que faltaban só uns quilómetros, seguín ata o hospital, no que me realizaron as primeiras curas, para poder chegar ata Ourense. Alí puiden rematar nas termas o tratamento necesario para que se rexenerara a pel.

Que é o que o animou a seguir adiante durante estes 63 días?

Demostrar a forza de vontade e o compromiso, pola miña parte.

E ás veces non pensa que este segundo intento de dar a volta ao mundo vai ser unha loucura? Son moitos anos fóra da súa residencia, lonxe dos seus seres queridos.

Non, porque serán seis meses con eles, adestrando ao mesmo tempo para Londres 2012, e outros seis polo mundo adiante. Comezarei por Europa, seguirei por Asia, logo por África, Australia... rematando en América. Eu non o vexo así, senón como unha aventura, que ademais alimenta a miña alma.

Que xente e que terras son as que máis o atraeron e en cales tivo especiais dificultades para seguir?

Asturias e Galicia foron moi acolledoras, non só pola paisaxe senón pola hospitalidade das súas xentes. A pesar do accidentado das súas carreteiras. En Ourense, ademais, nas Termas, lémbrome de que, ao se daren conta de que me faltaba unha perna, me aplaudiron, e me sentín raro.

Cónteme o das promesas ao seu avó e ao seu pai xa falecidos.

Estas promesas veñen xa dende hai moitos anos. Ao meu avó lle tiveron que amputar as dúas pernas na Segunda Guerra Mundial, e sempre me contaba historias da súa época, cando lle prometín que realizaría a viaxe por el. Finou durante o meu primeiro intento, na Volta ao Mundo en bicicleta do 2000, que tiven que abandonar por unha lesión en Barcelona.
E ao meu pai lle prometín que gañaría unha medalla por el, xa que el quedou ás portas de podelo conseguir (era un bo boxeador). Á miña moza Ximena, por outra parte, amala e respetala toda a miña vida.

Fáleme do seu desafortunado accidente. Foi un exemplo o seu avó para vostede durante o duro trance que supuxo aprender a convivir sen a súa perna?

Aos oito anos tiven un desgraciado accidente, no que unha grúa me aplastou os dedos e grande parte do pé. Seguín participando en diversas competicións de xudo e natación, pero en estas non me deixaban participar a nivel internacional, pois tiña unha eiva. Asemade, cando me decidín a participar como paralímpico, non se me aceptaba pola mínima discapacidade. Debido a isto e ao intenso dolor que arrastraba aconselláronme toma-la dura decisión de amputar parte da perna. Pode parecer duro, pero para min o deporte é todo.

Como acabou vivindo en Barcelona? Como foi o proceso de adaptación a unha terra tan diferente?

Rematei en Barcelona na miña primeira viaxe polo mundo despois de recorrer toda Europa. Alí me roubaron a bicicleta e tiven que abandonar por un tempo, pero sempre pensando no que deixaba pendente, que era a promesa ao meu avó de da-la volta ao mundo por el. Ademais el morreu ao poco tempo da miña saída. Aquí en España non me expulsaron, senón que me ofreceron traballo e papeis; comecei traballando como lavapratos e ao pouco tempo como axudante de camareiro, e aos dous anos xa como xefe de salón e encargado de restaurante. Como son unha persoa moi emprendedora e fiel aos meus principios (non fagas nunca o que non che gustarían que che fagan, trata como che gustaría que te traten), namoreime dunha compañeira que facía o meu primeiro traballo de lavapratos e apoieina para aprender como camareira; axudeina cos papeis...

Cando quedou sen a perna e por que? Como lle cambiou a vida?

Tomei a decisión de amputa-la perna, ou máis ben, a parte lesionada, en 2006, pero ata 2007, cando me operaron, non souben o que me esperaba... A miña parella, despois de seis anos, deixábame por medo a non saber como saír adiante, pensando en que ía quedar nunha cadeira de rodas e sen traballo. Equivocouse, pero para min mellor, porque vin o moito que me quería.

Cando coñeceu vostede a súa seguinte moza? Ata que punto é importante o amor e a calor humana no apoio a un deportista?

Á miña seguinte parella a coñecín nunha das miñas competicións, nun albergue de Bilbao. Como eu estaba triste, pola miña situación financeira, levaba sempre uns lentes oscuros que me tapaban os ollos. Ela estudiaba en Bilbao e na hora do xantar, pensando que era cego, mirábame con doce expresión. Cando viu anoxada como me conectaba a Internet e escribía con rapidez, veu anoxada dicíndome que me burlaba; díxenlle entón o da tristura dos meus ollos, e conversando con ela decateime de que o seu corazón era o máis bonito do mundo. Actualmente está en Concepción (Chile), mais falamos e vémonos a través de Internet. Ademais, cando lle dixen o das miñas promesas, díxome que non abandonara por nada do mundo. Ao pouco tempo faleceu o meu pai e apoioume en todo.

Cre vostede que hai diferenzas notables entre o modo de adestrar dun deportista, digamos, "normal", e outro paralímpico?

Ámbolos dous son esencialmente iguais e ríxense polos mesmos valores: a superación persoal, o esforzo, a constancia, a competitividade... Eu diría ademais que dentro do mesmo deporte para discapacitados hai moitas diferenzas; aos de cadeira de rodas non lles fan pagar nada porque á pista lle dan imaxe de integración, pero no meu caso, o mesmo concello de Mollet del Vallés, que é onde adestro en tema de lanzamento, amais de facerme pagar quitoume o acceso ao material, o ximnasio e a pista... Lanzo nunha gaiola vella fóra da pista, e con pesos e discos prestados por uns amigos. Con xavelina non podo adestrarme.

Cómpre no deporte paralímpico máis apoio das institucións? E das empresas e a sociedade civil?

Está claro que se o deporte en xeral recibe pouco apoio, o paralímpico nulo.
O problema é que, nas empresas, se consegues que se che atenda, ao final che din que temos a federación e moitas subvencións (algo incerto).

Vostede ten altas expectativas sobre esta viaxe: ter algunha sección en televisión, escribir un libro sobre as súas aventuras, ademais do fundamental: conseguir patrocinadores.

O meu proxecto chamarase "O paralímpico solitario". Tratarei de viaxar polo mundo promocionando o deporte paralímpico, gravarei tódolos días, e espero ter algún día os meus propios capítulos en TV, e que as miñas aventuras sexan vividas por tódalas xentes que non poden facelo, vivíndoas dende o seu sofá e mirando as miñas crónicas do día a día polo mundo. Tamén espero escribir un libro.

Di de si mesmo que é teimudo, e que sempre que se pon un límite supérao sobradamente. É importante a tenacidade no deporte? E no paralímpico máis?

Testudo e loitador por min e por todos se puidese, pero espero que a miña mensaxe tralo meu paso polo mundo sexa a da integración na sociedade a través do deporte. Ademais espero ter nesta viaxe a eses dous compañeiros dos que falaba ao principio. Ao respecto da traxectoria á fronte do meu club, espero que algún día sexamos un Barça ou Madrid no mundo dos paralímpicos, e demostrar ao mundo o que un pode conseguir se un se o propón. Non existe o "non" na miña vida.

servido por mozzer 2 comentarios compártelo

2 comentarios · Escribe aquí tu comentario

Periodista Intrépido

Periodista Intrépido dijo

Un gran exemplo de superación persoal e de amor á vida e confianza nas propias posibilidades... E teño escoitado que comeza o mes que vén a Volta ao Mundo, non si? Que teña moita merda!!!

8 Febrero 2010 | 03:00 PM

Miriam

Miriam dijo

Me ha parecido un buen artículo,un gran ejemplo de superación por parte del protagonista y una lección para los que padecemos minusvalías. En mi caso me siento limitada por ello y muchas veces acomplejada e inferior a los demás, por eso es bonito saber que hay gente que lo supera y no ve en ello limitaciones ni complejos.Mi próximo reto ya me lo he propuesto, será hacer el Camino de Santiago si la salud me acompaña.

8 Febrero 2010 | 04:09 PM

Escribe tu comentario


Sobre mí

Avatar de mozzer

Fifteen minutes with you...

ver perfil »
contacto »
Éste es un blog para románticos e ingenuos, es decir, para lo peorcito de esta sociedad. Sé que quedamos pocos, pero venceremos (aunque sea una victoria poética). Para indecentes, perturbados, ególatras y sociópatas como yo, es decir, los últimos pero los primeros. Éste es también un blog provisional, mientras no maneje todas las posibilidades de la herramienta y mientras no encuentre una ubicación mejor. Esto tiene que ser como una casa, y si no estamos cómodos, nos mudamos...

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera