Préndete (Mohamed Bouazizi requiescat in pacem)

Soñaba con ampliar o seu negocio de mercader, pero nunca con ser o pai dunha revolución. Chamábase Mohamed Bouazizi e tiña tan só 26 anos. Era un mozo tunecino estudante de informática, que cada mañá dende os 10 anos ía á praza central da súa cidade empurrando un carriño de froitas e verduras para tentar de sacar algo co que sacar adiante á súa familia. Vivía con oito persoas máis, hacinadas nun piso de tres habitacións: ningún tiña traballo. Só Mohamed tiña este humilde medio de subsistencia, que ademais lle valía para ir pagando a universidade á súa irmá. Porén, Mohamed era un rapaz culto: a pesar de non rematar o bacharelato, estudaba pola súa conta inglés, francés, alemán e informática. Pero sobre todo era un rapaz sorrinte e loitador.
Ás 8.30 do 17 de decembro de 2010, saíu da casa, como cada mañá. Mercara 150 euros en froita para vender na praza, e a policía pediulle un suborno (segundo esta, unha licencia) para poñer o seu posto na rúa, pero el negouse, como todos os días. E como todos os días, a policía tentou quitarlle a mercancía. Non era a primeira vez que loitaba coas corruptas forzas da orde, nin a primeira que lle deixaban sen nada. O pasado Ramadán, tiráronlle unha vez máis o carriño, provocándolle unha crise nerviosa. Pero esta vez o conseguiron. Mohamed estalou. Prendeu, literalmente. Dous axentes golpeáronlle as pernas. E unha funcionaria municipal propinoulle unha bofetada. Cando foi á casa do concello a denunciar os feitos, a mesma funcionaria pechoulle a porta, e cando o mozo dixo que iría a queixarse ao pazo presidencial, botou a rir na súa cara: “Quen vai facer caso a un don ninguén?”, un paria coma el. Pero fixéronllo, e fixo cambiar a todo un goberno. Porque prendeu. Saíu do edificio, mercou un bidón de gasoliña de cinco litros e, diante dos policías, prendeuse lume. E prendeu lume a todo o país, constituíndo a chispa da revolución. A chispa que lle faltaba ao pobo tunecino para saltar polo ar, despois de 23 anos de tiranía, corrupción e represión.
Mohamed morreu nun hospital a consecuencia das graves queimaduras, o 4 de xaneiro, despois de recibir a visita do xa deposto presidente Ben Ali, quen sen embargo non outorgou ningunha axuda á súa familia. Pero non morreu en van. Sen querelo, convertiuse nun mártir, que inspirou toda unha revolución democrática, a “revolución dos xazmíns”. Cando non che queda outra cousa que a túa propia e maltratada vida, xa non tes nada que perder, agás a dignidade. Mohamed foi agredido, insultado e humillado, polo que decidiu quitarse a vida, nun supremo e derradeiro acto de coraxe. A forza da súa desesperación quedou para sempre gravada nas retinas e nos tímpanos daqueles que non lle deixaron máis saída, pero pensaban que remataría a súa vida no máis ignominioso dos anonimatos. E tamén nos dos seus compatriotas, e o resto da sociedade (Exipto, Libia, e dentro de nada, Mauritania, Yemen, Omán...) que se está a mobilizar para reivindicar os seus dereitos, dende Arabia até Arxelia, por todo o mundo musulmán.
Penso que deberiamos de aprender destes valentes cidadáns, que foron quen de se rebelar contra os seus sátrapas: Ben Ali, Mubarak, Gadaffi... un por un foron caendo ante a forza do pobo, nalgúns casos pacificamente, noutros como o de Libia, con infeliz derramamento de sangue, pero en todos, preservando a súa dignidade sen esperar a que o seu amo morrese de vello. Dende o mundo occidental, os supostos países civilizados vémolos con receo e con aire de superioridade. Pero o certo é que aquí, cun 20% de paro (máis que en Túnez, cun 15) e cun bipartidismo sumido na corruptela e ineptitude, non saímos á rúa máis que para celebrar a “Roja” ou protestar porque non nos deixan fumar. E, vencidos pola apatía e a pasividade, non nos movemos máis que o dedo para cambiar de canle. Vémolo na actitude da UE e a ONU.con respecto a estes países. E vémolo en nós mesmos nas nosas propias casas. Desprezamos o poder dos individuos anónimos, o noso propio poder para mudar as cousas, e os pequenos xestos que, sumados un a un, fan cento. Os grans de area que pouco a pouco fan vendaval. Vendaval é “un vento forte que sopra do Sul, con tendencia ao Oeste”. Oxalá veñan vendavais. E oxalá ninguén teña que inmolarse para que se produza unha revolución, pero eu boto de menos que de vez en cando apaguemos o televisor e nos prendamos...

