Primeiro Día post-15O: A resaca da manifestación. “Okupación” do Hotel Madrid. Primeiras accións.
Para que sirve a “ocupación” con “k”? “Okupación”. Para explorar novas formas de ocio, cultura e autoxestión. Para facer efectivo, realidade, o dereito á vivenda. Para denunciar unha situación inxusta (1.200.000 inmobles baleiros , 350.000 persoas desaloxadas, e case un 75% de mozos e mozas que non se poden emancipar, dentro do Estado español). E para facer política, tamén.
No número 10 da rúa Carretas, ao lado de Sol, nun costado da mazá que ocupa a Casa de Correos, sé da Presidencia da Comunidade de Madrid, e a escasísimos metros do edificio que alberga a Consellería de Cultura, Deporte e Vicepresidencia, atópase o Hotel Madrid, un antigo pero fermoso inmoble abandoado pola mala xestión e as prácticas especulativas da inmobiliaria Monteverde.
Ás tres da madrugada do domingo 16, e aínda coa resaca de euforia da gran manifestación do 15O, a máis multitudinaria das convocadas ata agora polo movemento 15M, un grupo de 300 persoas xurdido da marcha e a asemblea posterior decidiu tomar o edificio para dedicalo a algún fin social, bebendo do movemento “okupa”, que sempre estivo nas marxes do sistema, o mesmo sistema que o 15M quere rexeitar. Comeza o “okupación” do Hotel Madrid.
Nun primeiro momento algúns membrxs do 15M desvencelláronse desta acción, planificada desde hai un tempo pero non aprobada en ningunha asemblea nin apoiada maioritariamente polo movemento. Esa mesma tarde, ás 17 horas, convocan unha asemblea de apoio. Rozando as oito da mañá xa emitiran un comunicado a través do seu blog, no que se referían ao inmoble como “novo espazo liberado: O edificio ten cinco andares, soto e dúas azoteas. Conta con salas multiusos, habitacións totalmente equipadas, almacéns, cociñas, cafetería, electricidade e gran cantidade de material. O edificio é un antigo hotel que pertence á inmobiliaria Monteverde, empresa coñecida pola súa actividade especuladora a gran escala que inclúe a apropiación de inmobles para a súa reconversión en pisos de luxo. Sorprendentemente, a inmobiliaria está hoxe en concurso de acredores. Consideramos que a empresa de Carlos Monteverde forma parte da mentalidade económica que nos levou á insostible situación que padecemos actualmente. Xa que logo, a liberación dos espazos usurpados pola súa actividade resulta completamente lexítima”. No comunicado animábase á cidadanía a “participar e achegar ideas para darlle a este edificio (…) unha utilidade popular, aberta e participativa”. E ao longo da mañá e da sobremesa realizaron distintas actividades.
En Barcelona fixeron o propio. Alí ocuparon un bloque de pisos propiedade dun banco e pechado desde hai seis anos, para aloxar a familias desafiuzadas.
